O Concello e Famyc poñen en marcha a próxima semana ‘Hoxe Falamos’, un novo programa de acompañamento a persoas maiores

A edil de Benestar Social, Eva Martínez Montero, presentou esta mañá xunto á fundadora da Fundación de axuda a maiores e os seus coidadores, Marta Araoz, a iniciativa, que se estima poida chegar a un mínimo de 140 persoas. Unha vintena de voluntarios da entidade en colaboración coa Oficina municipal de Voluntariado e as Unidades Básicas desenvolverán o plan, que busca “loitar contra un posible sentimento de soidade dos nosos veciños de maior idade”. Os interesados en participar como voluntarios ou en recibir o servizo poden contactar a través das asociacións de veciños dos barrios ou chamar á Fundación: 981 352 277 e 679 843 665.


O Concello de Ferrol vai poñer en marcha a partir da próxima semana ‘Hoxe Falamos’, un novo programa dirixido á mellora da calidade de vida das persoas maiores do municipio. Neste caso, tal e como presentou esta mañá a concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, acompañada pola responsable da Fundación de axuda a maiores e os seus coidadores (Famyc), Marta Araoz, trátase dun plan para “acompañar ás persoas maiores da cidade como ferramenta para loitar contra un posible sentimento de soidade”. 


A edil explicou tras dar conta na comisión de área celebrada esta mañá que se trata de “chegar” a aqueles veciños de maior idade que por vivir sós ou por outras razóns pasan tempo sen compañía e “desexen compartir parte do seu tempo con alguén que lle acompañe en determinados momentos e se interese polo seu estado”. Ferrol é unha cidade “moi envellecida”, lembrou Martínez Montero, e desde o Concello “estamos a facer un importante esforzo para impulsar medidas que melloren o día a día das persoas maiores e o seu benestar”, como é o caso dos programas de envellecemento activo nos parques biosaudables da cidade ou o plan ‘Andanzas Naturais’, posto en marcha o pasado ano co fin de que os maiores coñezan o seu entorno. 

Neste caso, indicou, unha vintena de voluntarios de Famyc en colaboración coa Oficina de Voluntariado do Concello de Ferrol e as Unidades Básicas municipais desenvolverán o plan, que se estima que chegue a un mínimo de 140 usuarios. Trátase da “primeira vez que se pon en marcha un programa destas características na cidade”, dixo a concelleira, “é un proxecto piloto que estamos seguros que terá moi boa acollida”. 

As persoas maiores que se sintan vulnerables e desexen recibir este servizo poden poñerse en contacto coa súa asociación de veciños —ás que o Concello enviou un escrito cos detalles do programa e solicitando a súa colaboración— ou chamar a Famyc nos números de teléfono 981 352 277 e 679 843 665. Asignaráselle un voluntario que lle chamará para falar a diario, á hora acordada entre ambos. En caso de non responder á primeira insistirase dúas veces máis e se non contesta o voluntario avisará a familiares ou ao servizos de emerxencia en caso de non ter rede de apoio na cidade. Cada voluntario asignado poderá tamén en función da súa dispoñibilidade acompañar presencialmente á persoa maior. 

Aberto a novos “anxos”
O programa está aberto a novos voluntarios desde os 18 anos de idade, veciños de Ferrol que desexen dedicar un tempo ás persoas maiores que se senten soas, tal e como explicou esta mañá a fundadora de Famyc. “Buscamos anxos’, dixo, “persoas con algo de tempo libre que poidan atender aos que nos coidaron hai tempo”. Os interesados en facer estas chamadas diarias e posibles acompañamentos, tanto mozos como persoas de idade, os denominados ‘ánxeles’, tal e como dixo Araoz, poden tamén chamar a Famyc (981 352 273 e 679 843 665). 

A fundadora agradeceu á concelleira a súa “sensibilidade” ante os temas relacionados co benestar social das persoas maiores e a súa “dispoñibilidade” á hora de “impulsar proxectos deste tipo”.

Ningún comentario