O Concello abre o prazo de inscrición nas actividades de limpeza das praias no marco do proxecto Ártabro Inclusivo

 A concelleira de Benestar Social e Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, indicou esta mañá que os interesados deben anotarse en info@pingota.com. Ademáis de retirar residuos dos areais de Caranza e San Felipe tamén haberá unha demostración do funcionamento das máquinas de reciclaxe de plástico no Torrente Ballester e unha colaboración con mariñeiros para retirar lixo do mar



O Concello de Ferrol xa ten aberto o prazo de inscrición para participar nas actividades previstas ata final de ano no marco do proxecto ‘Ártabro Inclusivo’, que ten por obxectivo retirar os residuos plásticos do mar e darlles unha segunda vida trasnformándoos en novos obxectos. A iniciativa, en colaboración cos concellos de Narón e Fene, ten unha importante vertente social posto que serán as persoas usuarias de Aspaneps (Asociación de pais de nenos con problemas psicosociais) e Saúde Mental as que se ocupen de realizar esa transformación a través de talleres de reciclaxe. 


A concelleira de Benestar Social e Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, explicou esta mañá que “se busca involucrar ao colectivo de pescadores e mariscadores para que eles tamén poidan sumarse ao proxecto, retirando cada vez que vaian ao mar os residuos que atopen, pero tamén á poboación en xeral —en particular á infancia co fin de concienciala sobre o coidado do medio ambiente— e aos membros da Oficina de Voluntariado do Concello de Ferrol.

Os interesados poden participar en varias actividades. A primeira, titulada ‘Día do mar sen plástico’, terá lugar o día 11 de novembro e consiste en esperar no porto a que os mariñeiros saian ao mar —a primeira hora da mañá— para pedirlles que nesa xornada de traballo traian todo o lixo que poidan atopar e posteriormente ir a recollelo á hora de regreso, sobre mediodía. 

Tamén haberá dous limpezas de praias, unha o 13 de novembro na de San Felipe e outra o 20 de novembro no areal de Caranza, e o día 9 de decembro terá lugar unha demostración do funcionamento das máquinas de reciclaxe de plástico, ás 19.30 horas, no centro cultural Torrente Ballester. 

As persoas interesadas, tanto membros da Oficina de Voluntariado do Concello de Ferrol como o público en xeral xa poden anotarse a través do correo electrónico info@pingota.com, indicando o nome completo, un contacto e a actividade na que desexan participar.






Ningún comentario