O Concello comeza mañá a Fin de Semana Inclusiva

A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, deu conta esta mañá na comisión informativa da área que o sábado celebrarase a Primeira Andaina Inclusiva do Camiño Inglés aberta a todos os interesados en participar. 




 Ás 13 horas terá lugar na Casa Solidaria unha charla de Javier Choren, coordinador do proxecto de baloncesto inclusivo ‘Suma’, do Cabildo de Gran Canaria, que integra a xogadores con Síndrome de Down, autismo, Asperger e outras condicións.

O Concello de Ferrol vai celebrara entre mañá e pasado a Fin de Semana Inclusivo, unha iniciativa deseñada pola concellería de Benestar Social, dirixida por Eva Martínez Montero, que inclúe varias actividades. Tal e como deu conta esta mañá a edil na comisión informativa de Benestar Social, Igualdade Muller, Xuventude e Patrimonio Histórico, o sábado dará comezo ás 10 horas a Primeira Andina Inclusiva do Camiño Inglés, na que participarán colectivos especializados que percorrerán a primeira milla acompañados de peregrinos ataviados coa indumentaria tradicional. Estará aberta a todos os interesados e contará con varios tramos.

 O obxectivo, explicou a edil, é “acadar o obxectivo de converter os primeiros pasos do camiño no primeiro tramo inclusivo de todos os camiños xacobeos e que sirva de exemplo e guía para o resto do percorrido”. O punto de encontro será o peirao de Curuxeiras e rematará na Igrexa das Angustias.

No porto os representantes do colectivo Aspanaes e Aspaneps recibirán a credencial do Camiño de Santiago e realizarán o seu percorrido acompañados por unha representación da Autoridade Portuaria e polos peregrinos. A súa andanza terminará na Igrexa de San Francisco, onde recibirán a Concha do Peregrino cunha pequena tarxeta que os acreditará como participantes da Primeira Andaina Inclusiva do Camiño Inglés. Entregado o relevo, a entidade AxFerrolterra (Asociación de personas sordas de Ferrolterra) acompañada polo equipo de Baloncesto feminino BAXI, recibirá a credencial e iniciará o seu percorrido ata a Praza de Amboaxe (rúa Real esquina Arce). Á súa chegada recibirán a concha acreditativa correspondente. Neste punto o relevo será entregado ao colectivo Aprende a Voar, que estará acompañado polo Club de Baloncesto adaptado Basketmi. Recibirán a credencial e camiñarán ata a Praza de Armas, onde recibirán as súas conchas. Por último, na Praza de Armas o colectivo da ONCE e a Asociación Nuestra Señora de Chamorro collerá o relevo, xunto co periodista Isidoro Valerio e unha representación da Semana Santa Ferrolá. Coa credencial iniciarán os últimos pasos da primeira milla do Camiño Inglés cos peregrinos tradicionais. A Praza das Angustias acollerá a chegada do último colectivo, que recibirá a súa Concha de Peregrino.

Participarán varias entidades —Aspanaes, Aspaneps, Aprende a Voar, ASCM, Asociación Nuestra Señora de Chamorro, AsFerrolterra e a ONCE—aínda a actividade está aberta a todas as que desexen participar.

Unha vez rematada a Primeira Andaina Inclusiva de Ferrol terá lugar no salón de actos da Casa Solidaria (Rúa Velázquez, 44) a charla ‘Beneficios dun deporte normalizado para os nosos fillos’, ás 13 horas, que impartirá Javier Choren, coordinador do proxecto de baloncesto inclusivo ‘Suma’, do Cabildo de Gran Canaria, que integra a xogadores con Síndrome de Down, autismo, Asperger e outras condicións. Trátase dun proxecto que “se está a impartir en Las Palmas co clube de ABC Gran Canaria cun importante éxito no que se refire tanto a número de participantes como no obxectivo fundamental do propio plan”.

Esta actividade estará aberta ao público en xeral. As charlas celebraranse tamén o domingo, cando remate a Fin de Semana Inclusivo. O obxectivo, explicou a edil, é “dar a coñecer a iniciativa posta en marcha polo Cabildo co fin de impulsar unha acción similar en Ferrol posto que lograr a inclusión é un dos nosos obxectivos”.

Ningún comentario